MÁIS DE 1000 ESCOLARES RECLAMAN UNHA CONVIVENCIA PACÍFICA E SEN VIOLENCIA NOS SEUS CENTROS DE ENSINO

As comunidades educativas de seis centros de ensino galegos participaron na celebración do Día Escolar da Paz e a Non Violencia promovida pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia e comprometéronse coa paz e a convivencia nas aulas mediante a lectura e aceptación dos principios do manifesto “Escolas sen Racismo”.

En concreto, máis de 1000 estudantes de infantil, primaria e secundaria do IES Milladoiro (Ames), IES Antón Losada (A Estrada), IES Chano Piñeiro (Forcarei), CEIP Figueiroa (A Estrada), CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) e IES Xulián Magariños (Negreira) sumáronse ás reivindicacións deste texto vertebrado ao redor dos Dereitos Humanos Universais, a democracia, a xustiza social, a paz, e o respecto á diversidade e o medio natural.

A proposta da Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia para conmemorar este día completouse cunha batería de actividades didácticas orientadas a facilitar a comprensión dos conceptos que sustentan o manifesto e a promoción das habilidades sociais que contribúen a poñelos en práctica.

Implicación de toda a comunidade educativa

A lectura do manifesto “Escolas sen Racismo” contou coa participación de toda a comunidade educativa, incluíndo alumnado e profesorado, que se comprometeu a promover o coñecemento doutras realidades e as desigualdades a nivel global, fomentar a empatía intercultural e o respecto á diversidade cultural, contribuír á construción dunha cultura de paz baseada no respecto aos Dereitos Humanos.

Ademais, no CEIP Figueiroa da Estrada elaboraron un mural participado, dinamizado por Sororas e elaborado coas achegas artísticas e expresivas do alumnado de infantil e primaria, en base ao conto Azul como o ceo, amarela como o sol, que relata a historia dunha familia de aves migratorias cuxa cría é discriminada polos paxaros propios da contorna. Esta xornada educativa de promoción da paz e da educación non violenta e pacificadora, completouse neste CEIP e o IES Xulián Magariños de Negreira coa entrega da placa identificativa do proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento”, no que se enmarca esta conmemoración.

A revolución da tolerancia e a empatía

Con este tipo de actividades a ONGD, que leva 19 anos traballando na cultura de paz en Galicia, pretende sensibilizar e empoderar os escolares, amosando que poden contribuír a construír a paz desde a súa contorna máis inmediata, como é a comunidade educativa, empregando ferramentas revolucionarias como a tolerancia e a empatía.